luns, 28 de novembro de 2011

A DERRADEIRA LEA.

Xa rematou. Xa non se escoita. Remitiu o balbordo.
O can xa non ladra,
ouvea, e o cativo chora. Agora só un murmurio afastado de voces e bágoas
xordas.
Sinto escorregar algo quente pola gorxa, mais estou en paz, tranquila.
Qué raro! A miña nai chora, en silencio, e a miro,o meu pai agarra nela.
Sinto frío. Invádeme o frío. E as palabras resoan: - “ Puta! Zorra!”- e agora vén:- “Perdoa, síntoo, quérote tanto! Ámote!, é que sacas o peor de min... Ámote! Non podo vivir sen ti, nena! “
E é de certo, saco o peor de el, non che son boa!, se estivera calada, por qué o teño que alborotar, xa sei como é, estou mellor calada, ollando cara outro lado, a min qué me importa o que faga, nin a hora á qué chegue! Mantenme, aínda que eu tamén traballo, e trata de facerme feliz, qué máis quero! Quéreme, e pídeme perdón de verdade, chorando, aínda que ás veces non se nota, pero claro, saco o peor del, anóxoo, pola miña boca. De cativa a miña tía-avoa xa mo dicía:- “ co carácter que tés o home que te leve vaite mallar a pallonas”-, qué razón tiña!, se cadra sonche eu que non son boa, que o merezo, que non estou atenta. Por qué fago unha comida con pouco sal se sei que a el non lle gosta, e as luras estaban frías, claro, por qué non as quentaría no microondas!, vén canso de traballar para min e o cativo, debo esperar a que chegue, a calquera hora, e terlle a comida quente, e atendelo como Deus manda!, xa mo di a miña nai: -“ Aos homes hai que atendelos, tés que ser unha muller da túa casa, e terlle todo preparado, a roupa repasada, pasar o ferro, a comida na mesa, un sorriso na faciana, e sempre disposta, porque é o teu home”-
Hoxe non sorrín. Porque estou farta!
Xa non sinto o seu alento quente, sucio, bébedo e intransixente. Xa non o aturo!
Xa non o escoito.
Xa non sinto esas mans noxentas acariñando o meu corpo, cando el quere, coma el quere, donde el quere, esas mans que entanto te acariñan como te golpean,e mallante, e bicante, aloumiñando o teu desexo apagado, perdido, aos poucos anos de coñecelo.
Fágome a durmida, mais espértame. Hoxe hai lea! Xa o escoito farfullando en voz alta na cociña, espertou ao neno. Temos “festa”. Tremo. E despois, o sexo, o asqueroso sexo, finxirei unha vez máis que me gusta, que o desexo, mentres penso en cando acabará todo, e non se dará de conta, iso si, aprendín a facelo.
Mais non. Hoxe non. Hoxe dígollo. Non quero! Non te quero! Non te soporto! Vaite!
Alguén me toca. Estou rara! Os pensamentos se me aglutinan na cachola. Non vexo. Estou ás apalpadelas mergullando nos meus pensamentos. Non sei se foi, se é, se o dixen. Síntome rara. Estarei a durmir?, pero escoito ao neno, que chora, e ao can que ouvea. Quero erguerme.
Onde estou? Non o escoito, non escoito os seus berros. A calor invádeme, e de súpeto o frío, un frío infernal, agochado, calmo e duro.
- “ Déixote”
- A min non me deixa ningunha puta. Zorra! Filla de... , quítoche ao neno!
- Non podo máis, enténdeo. Quero vivir!
- Nada te chega, zorrón! Qué máis queres de min? Putón! Vivo para ti e ti non fas nada, es unha merda! Non es nada! A onde vas ir ti, saco de merda? Vivir? Vivir de qué? Se non vales para nada.Quen che está a comer o coco? As túas amiguiñas, non si?, espera que as colla... ou tes outro?, tes outro, verdade? É iso, con quen te estás a deitar? Zorrón! Mátovos ós dous!!!!!
E as labazadas caen, coma a choiva no inverno, abruptas, duras, incesantes...
Mais xa non o escoito, todo está en silencio, xa non choro, xa non grita. Un frío de aceiro penetra o meu corpo...
Ao lonxe, alguén ten posta a televisión, están co telexornal, e escoito:
- “ Xisela Neira, víctima 501 da violencia de xénero, a violencia machista quebrou hoxe a paz (...), o mal do novo milenio...-
Mais esa non son eu, seica non, porque hoxe tomei unha decisión. Ser libre. Deixalo. Vivir...
Vexo unha luz. Estou espertando. Sinto dor. Xa non escorrega a auga quente polo meu corpo. Xa non teño frío. Síntome rara, escoito atentamente, os meus sentidos están vixiantes, o cativo xa non chora, e penso, logo...
Hoxe tomei unha decisión, sabia, a decisión de que hoxe sería o primeiro día da miña vida, e, por fin, hoxe, son libre!

Ningún comentario: