mércores, 19 de xuño de 2013

O ANIVERSARIO DOS LIBROS


Érase unha vez que se era o País dos Libros.
Naquel fermoso país vivían Librín, un pequeno libro de aventuras, Librón, un libro que estaba moi gordo porque comía moitos contos, e Libraco, que era un libro moi traveso e dedicábase a facer falcatruadas aos seus amigos, ás veces non moi ben intencionadas.

Hoxe é o día 23 de Abril, aniversario de Librín e de todos os libros. Librín e os seus amigos reúnense para celebralo: Parabéns Librín!, ¡Feliz Aniversario amigo! Dicían todos sacando globos de cores dunha caixa de madeira. Todos sopraban e inflaban globos, tiraban serpentinas e facían xolda coas súas follas ao vento. Era unha festa fantástica.

A avoíña de Librín, un libro antigo que falaba de vellos contos e historias tradicionais e de sempre, regaloulle a Librín un libro máxico, un libro que levaba moitos anos depositado e esquecido nun andel do vello faiado, do que saían globos de cores, serpentinas e contos marabillosos de toda a vida, os clásicos, eses que nos contaron os nosos pais e avós de xeración en xeración, e que cando sexamos maiores contaremos aos nosos filliños e filliñas, a que si?
Todos querían sacar un conto do libro máxico, así que, como era un agasallo da súa avoa, comezou Librín metendo a man no libro e…. sabedes o que sacou? …. Un personaxe dun conto coñecido por todos. Sabes quen era unha pícara desobediente que por non facer caso á súa nai perdeuse no bosque ?

Siiiiiiiiii! Era Carapuchiña Vermella que se volveu desviar do seu camiño, esta vez pasouse e fórase tan lonxe que se perdeu de verdade. De verdade da boa. Verdade verdadeira. E non atopaba a casa da súa avoíña nin o camiño de regreso á súa.

Carapuchiña estaba moi triste porque non sabía como volver á súa casa. Entón a Librín, -ao vela tan triste no día da festa-, ocorréuselle unha idea, volveríaa a meter no libro máxico e procuraría axuda nalgún outro conto, ou lla pediría a algún personaxe que pasase por alí, no bosque de Carapuchiña había moitos personaxes de contos porque era o Bosque Máxico dos contos, onde sempre pasaba de todo, e onde o lobo, cazadores e demais protagonistas das historias sempre se atopaban con algunha sorpresa.

Carapuchiña volveu entrar, e ao pouco Librín volveu sacar un personaxe, era Carapuchiña outra vez! Vaia! vaia!, mais agora xa estaba leda. Ao volver ao libro trabucouse de conto, -ela pensaba volver ao seu conto e procurar á súa avoíña- e agora estaba de paseo con Hansel e Gretel aos que atopara no Bosque Encantado e que se escaparan da bruxa malvada, embadurnados de chocolate e repletos de lambetadas. Uhm! Que rico estaba todo na casiña de chocolate! E logo de terse desfeito da bruxa...., máis!.

No seu longo paseo, que facilitaba a dixestión de tanta larpeirada, tropezaron, sen darse de conta, con Brancaneves e os Sete ananiños, que regresaban cantando do traballo, todos, menos Gruñón, que estaba enfadado polo tropezón. Como non!

Camiñando, camiñando atopáronse co Gato con Botas, que ao ver tanta algarabía e tanta xente pululando polo bosque, preguntoulles:

- Cara onde ides ?

- Carapuchiña respostou:

- Imos á festa dos libros!

- E que ides facer alí? – volveu dicir o gato –

- Imos xogar cos libros e a contar historias, de sempre e de agora. Queres vir connosco?

- Bo, xa que o meu amo casou e xa non se ocupa tanto de min, podo facer unha escapadiña,... se queredes convido a Shrek e Fiona, a burro, tamén coñezo á Ratiña Presumida, que está de compras no centro comercial, hai tempo que deixou de varrer a súa casiña e agora adícase a facer de “ persoal manager ” para as princesas dos contos.

E así foi... detrás de Carapuchiña comezaron a saír do Libro Máxico personaxes e máis personaxes dos contos que querían asistir á festa dos libros. Alí estaban Peter Pan, Bambi, os Cabritiños, Xoán sen Medo, Os trasgos, A Princesa e o seu garavanzo – non podía deixalo por se llo volvían poñer debaixo do colchón-, o Príncipe Azul, que vos vou dicir un segredo: - non era tan guapo! - Polgarciño… e todos os que non podedes imaxinar..., ou si?

Siiiii! .....Ese tamén estaba.

Que festa tan fantástica! Os personaxes saudábanse, bailaban, conversaban, contábanse as súas peripecias… imaxinades? Mudiño cantando, Gruñón rindo, Gruñón!, o rato de cidade facendo filloas con ovos de casa, o rato de campo perseguindo ao gato, os cabritiños botando a fariña… Oh! E todos podían subir ao ceo a través da escada máxica do xigante… ou era unha faba?, ían e viñan coma se fose unha nora.

Pero, Libraco, que era un ciumento e un envexoso, aburríase, e amoláballe que os demais libros se estivesen divertindo con todos os personaxes. Agora tiña vindo máis xente, os libros de historia entraran no Libro Máxico e deles saían O Cid, Napoleón, Cleopatra, Xullo César… incluso Breogán, os libros de Literatura sacaron aos seus personaxes tamén, entre eles Don Quixote, e o seu querido Sancho Panza… ata os de Matemáticas, que tamén son libros, querían ver ás súas sumas, restas e multiplicacións de festa. Por un día ata as mates eran divertidas!

Ao ver tal algarabía Libraco ofuscábase máis e máis buscando un plan que dese ao traste con toda aquela felicidade. El o que quería era coller o Libro Máxico para se meter dentro e viaxar ao mundo dos contos para cambialo, iso ocorréuselle ao ver a todos os personaxes na festa, e así despois os personaxes non atoparían os seus contos, mesturaríanse e nada tería sentido, cambiaría a historia e todos se amolarían. Todos? Non! Só el quedaría indemne, e sería sempre o protagonista do Día do Libro, todos os agasallos serían para el, e el protagonizaría todas as festas.

Nun momento no que todos estaban entretidos e despistados Libraco meteu a man e…..auhh !, algo tirou del cara dentro. Era o lobo de todos os contos, -o mesmo pregúntasme?, si, o lobo malo sempre é o mesmo-, ese ao que a avoa atara o rabo a un poste para que non fose á festa.

O lobo colleu a Libraco que entrou no Libro Máxico, e despois de que Libraco lle contase os seus plans, xuntos decidiron que os nenos non puidesen volver ler contos. Pecharían o Libro Máxico e os personaxes non poderían volver aos seus contos e así se acabarían para sempre. Por si a alguén aínda non se lle esqueceran os contos e tivese a intención de volver contarllos a algún cativo, cambiaríannos todos, e se ese alguén seguía teimudo e ocorríaselle escribilos, borrarían a lembranza de que algún día existiran os contos.

Anda que hai que ser malo!

Brancaneves quedaría sen o seu príncipe e sería infeliz, Carapuchiña sen a súa capa, Os tres porquiños sen casa…. Ata a boba da Ratiña Presumida, que agora era aínda máis parva,- segundo eles- aínda que tiña un traballo moi moderno, quedaría sen noivo e sen traballo e volvería limpar a súa casiña, lalaralariña! , que xa non sería a súa, senón o estanque do Patiño feo, que seguiría sendo feo e non lle gustaría tampouco á ratiña, nin ela ao patiño. A ver que se cre!.

- Será marabilloso! – gritaba Libraco.

- Siiiiiii ! – dicía o lobo, Fantástico! -á vez que se fregaba as mans pensando en comerse despois a Libraco, - non o esquezas!, é o lobo malo de todos os contos-.

Pero Librín deuse de conta de que algo raro estaba sucedendo, porque facía xa un bo intre que non vía a Libraco e iso dáballe moi mala espiña.

A avoíña do conto saíra vixiar un momento á súa neta, non se fose perder outra vez, e nese despiste Librín puido entrar no País dos contos e escoitar os plans dos dous malvados. Entón decidiu chamar a un Xigante bo para que lles dese un susto, e ademais contaríalles todo aos seus amigos.

Librón que estaba moi ledo contando contos aos Tres Porquiños non se decatou de nada; tampouco os Tres Osiños que estaban cantando e bailando con Riciños de Ouro e os ananiños, ah! e os trasgos, que eran moi bailaríns!. Cando Librín contou os plans dos dous malvados, ninguén podía crelo, presentoulles ao Xigante Bo e entre todos decidiron que terían que facer algo ou se acabarían os contos para sempre.

Entón, a modiño e en silenzo… entraron no Conto Máxico, sixilosos, sen facer ruído….Mentres o lobo e Libraco seguían ríndose coa súa vinganza e facendo plans de como deixar aos nenos sen contos, ata tiñan planeado borrar as páxinas e as ilustracións dos bosques e os lagos dos libros, para que ninguén os escribise de novo, a onde ía ir o Patiño Feo?, por onde se perdería Carapuchiña? e Polgariño, como volvería á súa casa?...

O Xigante cun só dedo pechou as páxinas de Libraco, deixando ao lobo no medio, como nun bocadillo, e decidiron que o lobo a partir de agora tería que estar sempre en todos os contos, e que como castigo pola súa mala acción participaría en todos os contos e non pararía de traballar e de ser perseguido ata que o Xigante decida que xa foi suficiente castigo e o deixe saír, se cadra algún día é o protagonista dun conto do lobo bo.




E que pasaría con Libraco? Co lobo dentro e sendo sempre malo converteríase nun libro feo que ningún neno querería ler, porque lles daría medo e faríaos chorar, todo letra miúda e feas historias, ninguén o abriría, e ningún papá, mamá ou avós leríallo aos seus nenos.


Mais, dávos pena, verdade?

Bo, pois como aínda é a festa dos libros e aínda estamos no Libro Máxico, e os libros son bos e marabillosos, -se non pregúntallo a Aladín -, decidimos ser xenerosos e felices.

Libraco deuse de conta de que o máis bonito que teñen os libros son os contos infantís e decidiu que quería ser o que os contivera e o mellor amigo deles e dos seus protagonistas: Brancaneves, Cincenta, A bela durminte do bosque…. Ah! e sabes cal é o seu personaxe favorito? A Ratiña Presumida. E volveuse bo e tan bonito, que hoxe é o meu libro de contos favorito, e xa non o chamo Libraco, senón O Libro dos Soños, e sempre está de aniversario porque é o libro de contos que che regalará a avoa, mamá, papá, ou os teus amigos cando cumpras anos novos. Se cadra, este que che len ou tes nas túas mans é o meu amigo Libraco, O Libro dos Soños. Ti que cres?



E colorín, colorado, este conto que hoxe che conto, aquí ten rematado.

Ningún comentario: