domingo, 7 de abril de 2013

CONTO PARA CATIV@S?




Érase unha vez que se era un mundo no que había unha ditadura moi mala, moi mala que o gobernaba, a ditadura dos cartos e dos desexos egoístas, e estes non permitían aos seus habitantes ser felices.

A Ditadura tiña dous aliados moi fieis: Pobreza e Miseria. A Pobreza e a Miseria facían sufrir aos habitantes dese mundo porque traían fame e sufrimento nas súas alforxas viaxeiras para aqueles que non sabían, ou non podían, desenvolverse, e que vivían nunha parte do mundo chamado “ Terceiro mundo”.

Ás veces tan malas, tan malas eran as accións e as ideas de Ditadura, co alcume de “Económica”, que enviaba a Pobreza e Miseria a outras partes de Mundo para provocar diferenzas entre os seus habitantes e que estes rifaran e estivesen enfrontados por clases sociais, facendo que en cada lugar reinara Inxustiza.

Como os habitantes deses lugares de Mundo, chamados “ países e continentes”, querían ser como os habitantes dos lugares máis desenvolvidos e ricos, promovidos por Ditadura Económica, onde esta campaba ás súas anchas, reclamaban Xustiza, que nalgures se alcumaba “ social ”, e isto provocaba “guerras”.

Ditadura era moi feliz, porque as guerras lle xeraban grandes beneficios. Os seus aliados fieis, Miseria e Pobreza podían seguir espallándose por Mundo.

Mais houbo un día en que os habitantes de Mundo espertaron, e déronse de conta de que a loita e a avaricia non traían máis que guerra, dor e soidade, e que Ditadura Económica era a culpable de todo, así que chamaron a Xustiza para que os axudara e instalara un Estado no que todos estiveran a gusto co que tiñan, moito ou pouco, ese Estado chamouse de “ Benestar ”. Todos estaban conformes co que tiñan, traballando a esgalla uns para os outros e axudándose entre si, e ninguén pasaba fame, entre todos fixeron que Ditadura non puidera seguir estendendo as súas redes, porque xa non lles facían caso a Miseria e Pobreza, a xente non as quería, era solidaria, axudábanse uns aos outros, non rifaban, non pelexaban, resolvían os conflitos dialogando, comprendendo, poñéndose no lugar do outro, respectando e axudando aos que estaban mal, aos que estaban peor, e aos que querían pelexas.

Tal foi, que Ditadura Económica non puido seguir espallándose polo Mundo, non puido estender máis as redes do egoísmo, impúxose a SOLIDARIEDADE e a XUSTIZA. Miseria e Pobreza desapareceron, a guerra deixou de ter sentido, os habitantes de mundo cambiaron de actitude, xa non loitaban e decidiron cambiarlle o nome ao novo sistema, e o mundo pasou a chamarse PAZ.



Ningún comentario: