luns, 28 de novembro de 2011

A DERRADEIRA LEA.

Xa rematou. Xa non se escoita. Remitiu o balbordo.
O can xa non ladra,
ouvea, e o cativo chora. Agora só un murmurio afastado de voces e bágoas
xordas.
Sinto escorregar algo quente pola gorxa, mais estou en paz, tranquila.
Qué raro! A miña nai chora, en silencio, e a miro,o meu pai agarra nela.
Sinto frío. Invádeme o frío. E as palabras resoan: - “ Puta! Zorra!”- e agora vén:- “Perdoa, síntoo, quérote tanto! Ámote!, é que sacas o peor de min... Ámote! Non podo vivir sen ti, nena! “
E é de certo, saco o peor de el, non che son boa!, se estivera calada, por qué o teño que alborotar, xa sei como é, estou mellor calada, ollando cara outro lado, a min qué me importa o que faga, nin a hora á qué chegue! Mantenme, aínda que eu tamén traballo, e trata de facerme feliz, qué máis quero! Quéreme, e pídeme perdón de verdade, chorando, aínda que ás veces non se nota, pero claro, saco o peor del, anóxoo, pola miña boca. De cativa a miña tía-avoa xa mo dicía:- “ co carácter que tés o home que te leve vaite mallar a pallonas”-, qué razón tiña!, se cadra sonche eu que non son boa, que o merezo, que non estou atenta. Por qué fago unha comida con pouco sal se sei que a el non lle gosta, e as luras estaban frías, claro, por qué non as quentaría no microondas!, vén canso de traballar para min e o cativo, debo esperar a que chegue, a calquera hora, e terlle a comida quente, e atendelo como Deus manda!, xa mo di a miña nai: -“ Aos homes hai que atendelos, tés que ser unha muller da túa casa, e terlle todo preparado, a roupa repasada, pasar o ferro, a comida na mesa, un sorriso na faciana, e sempre disposta, porque é o teu home”-
Hoxe non sorrín. Porque estou farta!
Xa non sinto o seu alento quente, sucio, bébedo e intransixente. Xa non o aturo!
Xa non o escoito.
Xa non sinto esas mans noxentas acariñando o meu corpo, cando el quere, coma el quere, donde el quere, esas mans que entanto te acariñan como te golpean,e mallante, e bicante, aloumiñando o teu desexo apagado, perdido, aos poucos anos de coñecelo.
Fágome a durmida, mais espértame. Hoxe hai lea! Xa o escoito farfullando en voz alta na cociña, espertou ao neno. Temos “festa”. Tremo. E despois, o sexo, o asqueroso sexo, finxirei unha vez máis que me gusta, que o desexo, mentres penso en cando acabará todo, e non se dará de conta, iso si, aprendín a facelo.
Mais non. Hoxe non. Hoxe dígollo. Non quero! Non te quero! Non te soporto! Vaite!
Alguén me toca. Estou rara! Os pensamentos se me aglutinan na cachola. Non vexo. Estou ás apalpadelas mergullando nos meus pensamentos. Non sei se foi, se é, se o dixen. Síntome rara. Estarei a durmir?, pero escoito ao neno, que chora, e ao can que ouvea. Quero erguerme.
Onde estou? Non o escoito, non escoito os seus berros. A calor invádeme, e de súpeto o frío, un frío infernal, agochado, calmo e duro.
- “ Déixote”
- A min non me deixa ningunha puta. Zorra! Filla de... , quítoche ao neno!
- Non podo máis, enténdeo. Quero vivir!
- Nada te chega, zorrón! Qué máis queres de min? Putón! Vivo para ti e ti non fas nada, es unha merda! Non es nada! A onde vas ir ti, saco de merda? Vivir? Vivir de qué? Se non vales para nada.Quen che está a comer o coco? As túas amiguiñas, non si?, espera que as colla... ou tes outro?, tes outro, verdade? É iso, con quen te estás a deitar? Zorrón! Mátovos ós dous!!!!!
E as labazadas caen, coma a choiva no inverno, abruptas, duras, incesantes...
Mais xa non o escoito, todo está en silencio, xa non choro, xa non grita. Un frío de aceiro penetra o meu corpo...
Ao lonxe, alguén ten posta a televisión, están co telexornal, e escoito:
- “ Xisela Neira, víctima 501 da violencia de xénero, a violencia machista quebrou hoxe a paz (...), o mal do novo milenio...-
Mais esa non son eu, seica non, porque hoxe tomei unha decisión. Ser libre. Deixalo. Vivir...
Vexo unha luz. Estou espertando. Sinto dor. Xa non escorrega a auga quente polo meu corpo. Xa non teño frío. Síntome rara, escoito atentamente, os meus sentidos están vixiantes, o cativo xa non chora, e penso, logo...
Hoxe tomei unha decisión, sabia, a decisión de que hoxe sería o primeiro día da miña vida, e, por fin, hoxe, son libre!

venres, 18 de novembro de 2011

FORMAS DE VIOLENCIA E MALOS TRATOS


Formas de violencia e malos tratos
Tácticas de presión. Intimida, manipula aos nenos, ameaza con reter o diñeiro.
Falta de respecto. Interrompe, non escoita, non responde, manipula a interpretación das túas palabras, increpa aos teus amigos e familia. Non respecta os teus dereitos nin as túas opinións.
Abuso de autoridade e confianza. Invade a túa intimidade, non respecta a túa correspondencia, le o teu diario, escoita as túas conversacións telefónicas.
Interroga aos teus fillos sobre as túas actividades, castígache co silencio.
Incumprimento de promesas. Non respecta os acordos, non asume a súa responsabilidade, non colabora no coidado dos nenos nin se compromete nos quefaceres domésticos.
Tiranía emocional. Non expresa sentimentos, non ofrece apoio, non respecta os teus sentimentos.
Control económico. Négache o dereito a traballar ou se inmisce no teu traballo. Impídeche o acceso ao diñeiro.
Comportamento destrutivo da personalidade.
Abusa do alcol ou as drogas.
Ameazas de suicidio.
Illamento. Evita ou dificulta que poidas verche con amigos ou familiares, controla a túa correspondencia e chamadas telefónicas, diche onde podes e onde non podes ir.
Acoso. Chámache constantemente por teléfono nun afán enfermizo de controlarche. Ségueche.
Intimidación. Xestos de enfado e ameazantes.
Achegamento físico intimidatorio, ostentación de tamaño físico. Berros, condución
temeraria de vehículos.
Destrución. Destrución de posesións, rotura de obxectos contra paredes.
Violencia sexual. Trato degradante do teu sexo, coacción para manter relacións sexuais
contra a túa vontade. (A violación pode ou non involucrar forza física).
Violencia física. Golpear, picar, tirar do pelo, losquear, agarrar, morder, patear, fracturas óseas, magullar, torcer brazos, empuxar, intentos de estrangulamiento, provocar abortos, tirar contra as paredes, tirar obxectos,utilizar
armas, queimar, asasinar.
Malos tratos verbais
Comentarios degradantes, insultos, observacións humillantes sobre a falta de atracción física, a inferioridade ou a incompetencia. Grita, insulta, acusa, fai burla, xura, fai xestos humillantes.
Co tempo a humillación continuada destrúe a autoestima e afecta seriamente a
dignidade. A muller maltratada comeza un proceso de aceptación da crítica que termina cunha comprensión e aprobación da violencia como castigo polas súas faltas.
Tamén inclúe as ameazas de violencia física e estalidos verbais de violencia. As ameazas de morte son denunciadas frecuentemente polas vítimas da violencia de xénero.
É un recurso moi utilizado polo maltratador e con frecuencia posto en práctica.
Malos tratos emocionais
Estreitamente relacionado cos malos tratos verbais, está encamiñado a desposuír de autoestima á vítima.
Inclúe:
A destrución de obxectos cun especial valor sentimental.
Malos tratos de animais domésticos.
Privación de necesidades básicas (alimento, soño...).
Insistencia en considerar á vítima tola, estúpida ou inútil.
Culpala de todo o que sucede.
Ignorar a súa presenza.
Mirala con desprezo.
Manifestar celos e sospeitas continuas.
Deixala plantada.
Nunca darlle explicacións de nada.
Mentila.
Inducila ao suicidio e/ou ameazala con suicidarse el.
Tratala como a unha nena pequena.
Eloxiala e humillala alternativamente.
Facerlle agasallos e logo quitarllos.
Desautorizala fronte aos fillos.
Esixila que adiviñe os seus pensamentos, desexos ou necesidades.
Golpear as portas.
Revisar os seus caixóns e pertenzas.
Abrir a correspondencia persoal e escoitar as conversacións telefónicas.

O efecto é acumulativo e a súa reiteración, co tempo, ten consecuencias destrutivas na personalidade da vítima.
Malos tratos económicos
Ocorre previo control dos recursos económicos.
O maltratador xeralmente entrega asignacións insuficientes para o mantemento das necesidades familiares e recrimina á muller por incompetente acusándoa de non administrar adecuadamente.
Implica que a muller non participa na toma de decisións sobre como distribuír o gasto do diñeiro.
Malos tratos sociais
Inclúe os malos tratos verbais en presenza de terceiros, o control das relacións externas(familia, amigos, chamadas de teléfono).
Sabotea os encontros familiares.
Impíde que o acompañe a actividades ou impón a súa presenza á forza.
Non se fai responsable dos seus fillos/as.
Faise a vítima en público dicindo que ela o maltrata.
Denuncia á policía á vítima.
Inclúe o control constante das actividades e provoca que a vítima se autoaisle para non enfurecer ao maltratador e así evitar porse en evidencia ante amigos ou familiares.
A vítima pasa a render contas de cada movemento.
O resultado para a vítima é a humillación pública e o autoaislamiento

Características psicosociais da muller maltratada
Estas características deben ser consideradas como secuelas non como previas
ao maltrato
Autoestima pendular.
Interiorizacion do machismo, da dependencia do home e en xeral de todas as figuras de autoridade.
Medo.
Tensión.
Conmoción psíquica aguda.
Crise de ansiedade.
Depresión.
Desorientación.
Incomunicación e illamento provocado polo continuo desamparo social.
Desmotivación, ausencia de esperanzas.
Carencia de poder real para solucionar o problema (Impotencia/Indecisión).
Vivencia e transmisión de roles sexistas.
Xeralmente, antecedentes parentales de violencia familiar.
Pouco ou nula marxe na toma de decisións da vida de parella e da súa propia vida.
Baixa interiorización de valores sociais e democráticos.
Trastornos alimentarios severos. (bulimia/anorexia).
Trastornos do soño.
Irritabilidad e reaccións de indignación fóra de contexto.
Sometemento /Subordinación /Dependencia.
Incerteza.
Dúbidas e indecisións por bloqueo emocional.
Asume a responsabilidade dos sucesos (Culpabilización

O MALTRATADOR 2


O maltratador
conceptos básicos

Utiliza a violencia co fin de dobregar a vontade da vítima.
Os eixos en que basea os abusos domésticos veñen determinados pola idade e o xénero.
Non é enfermo mental.
Selecciona á vítima e escolle o lugar do ataque.
Ten actitudes sexistas e crenzas estereotipadas das mulleres.
Ve ameazado permanentemente o seu poder no ámbito familiar.
Impón o illamento social da súa contorna familiar, como estratexia para romper a independencia e autoestima da súa parella. A imposición de illamento en non poucas ocasións vai máis aló do psicolóxico e pasa á inmobilidade física, dándose situacións de secuestro no propio fogar.
Critica constantemente co ánimo de crear inseguridade e fomentar a dependencia.
Non asume a responsabilidade dos seus actos violentos nin considera o problema como propio.

Ten unha gran capacidade de persuasión. Con estraños utiliza a sedución para impor os seus criterios.
Racionaliza a súa conduta violenta, xustifícaa e minimizaa.
Utiliza todo tipo de estratexias para lograr un único fin: que a muller non se afaste ou que volva ao seu lado.
Atribúe o problema á propia conduta da vítima, á familia, o traballo, a situación
socioeconómica.
Representa unha imaxe social oposta á que ten no ámbito privado.
Fóra de casa pode ser educado, alegre, amable, sedutor, solidario, atento, respectuoso.
Unha das súas estratexias é a de convencer á muller de que non pode vivir sen el, cando en realidade é el quen depende funcionalmente dela.
Manipula á compañeira exercendo o control sobre os bens materiais. Utiliza as visitas aos seus fillos para achegarse á súa vítima e seguir maltratándoa.
Tende a manipular e intenta seducir aos profesionais co seu xogo de dobre fachada.

Entende o seu equilibrio emocional como control absoluto do outro.
Sempre pide unha segunda oportunidade. Esgrime os celos para invadir e controlar a
vida da muller.
Ten xeralmente antecedentes de violencia na súa familia de orixe.
Repetirá a súa conduta violenta nas sucesivas relacións que manteña con outras mulleres.
O home violento non se distingue da normalidade masculina xeneral. Pode ser simpático, sedutor, atractivo e cabaleiroso con actitudes de cidadán modelo. Iso permítelle camuflarse e pasar inadvertido no mundo exterior á súa familia, ter doutoramentos universitarios, ser funcionario do Estado, docente, psicólogo,
actor, xuíz, empresario, obreiro, policía, deportista, político, desocupado, médico,
cociñeiro ou científico.
Graciela Ferreira

NON AO MALTRATO 1


ADVERTENCIAS

Non che golpea por ser alta ou baixa, gorda ou fraca,
necia ou intelixente, licenciada ou analfabeta...
golpéache por ser muller.
Esta ansia irracional de dominio, de control e
de poder sobre a outra persoa é a forza
principal que alimenta a violencia doméstica
entre as parellas.
L. Vermellas Marcos.

O que che está pasando sucédelles a moitas
mulleres no noso país e no resto do mundo.
Ocorre en todos os grupos sociais, sen distinción
de idade, clase social, relixión ou raza.
Os maltratadores non só proveñen de sectores
marxinais. Poden ser avogados, xornalistas,
policías, médicos, xuíces, políticos, funcionarios,
militares, etc.
O home que golpea á muller utiliza a violencia
como un comportamento eficaz para
dominar e infundir temor.
O maltratador ten fortemente interiorizados
os valores tradicionais da superioridade
masculina.

A violencia é, en moitos casos, un intento
desesperado por recuperar a supremacía perdida
no único ámbito onde pode exercer
o poder con impunidade.

O maltratador está convencido de que lle pertences
en exclusividade e, en consecuencia,
pode facer contigo o que lle veña en gana.
A vítima moitas veces se culpabiliza dunha
situación que lle desconcerta.

O maltratador tratará de educarte e corrixirche,
para que cumpras o papel que el che asigna dentro do fogar. Ten unha concepción
ríxida, estereotipada e sexista da masculinidade e a feminidade.

En moitas ocasións o agresor xustifica a súa
conduta violenta atribuíndoa a que o teu comportamento
é inadecuado, porque non respectas
os seus desexos ou non lle prestas a atención
absorbente que esixe.

Comezarás a vivir pendente dos seus ataques
inesperados de ira e duns comportamentos
que non poderás controlar nunca.
Debes saber que todos os teus intentos por canalizar
a situación serán inútiles.
Non tes a culpa do seu descontrol. Ti es a
caixa de resonancia e a vítima das súas frustracións.

mércores, 16 de novembro de 2011

ESTAMOS AVIAD@S!

Acábome de enterar que vou cobrar a miña derradeira paga "extra". Sen entrar en consideracións ético-morais dos dereitos fundamentais do ser humano, isto é " dereito ó traballo e a unha vida digna" do que non disfrutan 5.000.000 de persoas neste país chamado España, e pensando só " egoistamente" nos meus dereitos inalienables como traballadora -que xa tivo un recorte de soldo sin ser funcionaria-,e que me queren facer sentir mal por chorar por dúas pagas extra cando outr@s non teñen nin unha ó mes, e que teño que dar grazas por estar traballando, e nunha profesión que cada vez indignifican máis, facendo crer á sociedade que @s docentes somos @s chul@s do país, que non traballamos, que disfrutamos dunha morea de vacacións e que temos un alto poder adquisitivo, sen ter en conta que é falso, unha falsa publicidade, e que somos @s que formamos ás xeracións vindeiras e gobernantes futuros- que dito sexa de paso, esperemos que mil veces mellores-, gustaría de lembrarvos que isto é cousa do goberno PP na Galiza, e do PSOE na España, e que mentres @s parad@s non cobran nin traballan, e @s traballador@s temos máis recortes, el@s e os bancos seguen a encher os petos, por non preguntar a voz en grito onde están os sindicatos?. Nós, a xente de a pé, non temos culpa desta crise salvaxe, abondanos con poder chegar a fin de mes envoltos nesta voráxine de hipotecas e cretos que o sistema capitalista, a globalización, e os politicuchos de merda, que minten e trafegan en función da morea dos paises máis ricos e dos seus propios intereses partidistas, e persoais, -non o esquenzamos-, nos meteron. El@s non se baixan o soldo, non renuncian a pagas públicas e privadas e non falemos xa das xubilacións, as prevendas, os extras, as dietas...., el@s non renuncian a nada, todo o paga " papá pobo", todo os e as traballador@s e xubilad@s, e piden o noso voto para perpetuar ese sistema e o seu prurito, e somos tan parv@s que llelo damos, sen pensar nin unha migalla en que algúns xa o están a celebrar por anticipado e sen presentar programa, pero seremos parv@s! estaremos idiotizad@s!, e que non vemos o que están a facer con nós, e que non vemos o goberno da Galiza,o que está a facer no ensino, a sanidade, coa lingua, a nosa lingua, coa nosa identidade, como poden @s traballador@s galeg@s votar PP? como poden @s traballador@s de calquera lugar votar PPPSOE? Se teño que renunciar ás pagas para que coman @s meus/miñas veciñ@s, amig@s e familiares, arrimo o ombro a primeira, e pásoo peor, -que xa é difícil- coma tant@s, mais para que os ricos sexan máis ricos e os bancos máis poderosos non me dá a gana, e protesto, e maniféstome, e loito, e patalexo, porque non é xusto, claro que choro polo meu, polo meu dereito a compartir a riqueza que se xera coa miña suor e co meu traballo, porque o soldo non me chega, porque traballo como unha burra e ollo cada día como desprezan o meu traballo, a miña lingua, a miña cultura, ao meu país, como me ningunean, como se rin na miña faciana, e á miña conta, e miro como eu son cada vez máis pobre a conta de que outr@s sexan cada vez máis ricos! Basta xa leches! cando imos despertar! cando imos dicir NON , NON vos queremos, non vos aturamos, cobrade o mesmo soldo ca min por facer moito menos polo país do que fago eu, porque eu son pobo, e tí un mangante sin principios, nin escrúpulos, sego sen querer entrar en principios éticos de moral social. Entendo que a paga de Xullo é unha reminiscencia franquista, mais entendo que o meu soldo non é o mesmo co dun profesor alemán, inglés ou francés, incluso grego ou portugués, nin o dun docente da pública, que ainda están máis putead@s ca min tendo máis dereitos ca min tamén, esas pagas compensan a diferenza de soldos que hai entre traballador@s na Unión Europea, asi que señores politicuchos, non me comparen con el@s, e non me digan e ameacen, coma o señor Feijoo, con que estou disfrutando dun regalo do Estado e da Comunidade, NON SEÑOR, disfruto dun dereito que me corresponde porque estou dando un servizo a ese Estado e a esta Comunidade, como vostede a chama, que non é tal, senón que é o meu PAÍS, mal que lle pese! porque ainda por riba tamén me quere negar o dereito a chamar a Galiza o meu país, espero que este país desperte do soño dos mortos e escomence a vivir na loita dos vivos e @s que queremos vivir, porque senón, imos amolad@s! que máis nos queren quitar xa? que máis imos deixar que nos quiten?

.

luns, 29 de agosto de 2011


Un infinito devir depara a incongruente vida,
Unha ollada cara atrás
Unha porta sen saída
Un espazo que se alaga,
de absurdos cheos baleiros
e de media irreflexión están os camiños cheos,
volver atrás é inútil
non hai que botalo de menos,
porque o camiño avanza
non hai que buscar fundamento
para afogarse no pasado e vivir en sufrimento.


Se a soidade soubese como a estou a estrañar, se tan sequera, puidese ver, como a estou a amar, se cadra, xa nunca existise no meu camiño sementado de follaxe e primavera.


Un infinito devenir depara la incongruente vida,
Una mirada hacia atrás
Una puerta sin salida
Un espacio que se inunda,
de absurdos llenos vacíos
y de media irreflexión están los caminos llenos,
volver atrás es inútil
no hay que echarlo de menos,
porque el camino avanza
no hay que buscar fundamento
para ahogarse en el pasado y vivir en sufrimiento.

Si la soledad supiera como la estoy añorando, si tan siquiera, pudiera ver, como la estoy amando, tal vez ya nunca existiera en mi camino sembrado de hojarasca y primavera.

martes, 23 de agosto de 2011

NA PROCURA DE DEUS. Principio da miña última novela.

A noite botarase enriba. Tiña que se ir preparando. A derradeira calada a un pitillo que se estaba a consumir no cinceiro. Algo subiu polo seu peito ata a gorxa. Era medo? bah! era a tensión do momento, e o fume do tabaco, esas caladas profundas que non che sentan e o corpo rexeita e devolve cara fóra cunha vehemencia que desacouga. Só era iso.
Ergueuse da cama. Achegouse á fiestra. A noite acontecía queda e limpa. Que fermosas estrelas! era unha noite crara, víase a constelación do carro nidiamente. Unha estrela percorría o ceo. Non era fugaz. Por qué todo o mundo se empeñaba en ver unha estrela fuxidía. Era Casiopea a primeira que se vía na noite e que sempre corría polo ceo desacougada, coma se alguén a perseguira. A persecución. Hai que borrar eses pensamentos. Pola rúa había un devir de xente que ía e volvía ás súas casas.Tendas que pechaban. Persianas que se baixaban. O tendeiro da bata branca que empurraba un gancho coma se se tratara dunha lanza que ía da-la derradeira estocada a unha rexa de aramio medio oxidada. Unha nena choraba aferrada á man dunha muller, súa nai, que turraba dela. O día rematara, mais a cativa ollaba cara atrás coma se algo infindo se perdese nesa ida sen retorno, non quería ir, coma tódolos nenos quería quedar máis, qué máis tiña que se fixera noite, quería seguir a xogar.
Lembraba que tampouco quería voltar á casa cando cativo. A noite caía, as rúas baleirábanse e só o bruar dos nenos, os seus gritos ó despedi-lo día, enchían de rechouchíos o atardecer pardo da súa infancia.
Seguiu coa mirada a unha moza, unha xove esvelta que camiñaba paseniño buscando coa vista, e de soslaio, a aprobación dos homes que xiraban a cabeza para mirala , coa negra melena caendo sobor do seu terso torso, con ese andar quedo da que se sabe fermosa e desexada. Remata o día, - pensou - "mañán seguirás fermosa". Deuse de conta de pronto que a melancolía facía mella na súa alma. Unha anciá cruzouse coa moza, " Eros e Thanatos, principio e fin" , que incongruencia! - pensou -. Se cadra a anciá , nalgures, foi tamén unha preciosa moza de cabelo negro e resplandecente, obxecto de desexo dos homes. Cruzaba apoiada nun bastón rústico nunha man e un paraugas na outra, por precaución, sempre pode haber un imprevisto, os vellos son así, os anos parecen ensinarlles que hai que prever posibles imprevistos,e a choiva é sempre un imprevisto posible, aínda que se cadra o paraugas non era máis que outro bastón para se apoiar e disimular a precariedade da súa existencia. Camiñaba sen se percatar da moza, sen se percatar do que esta espertaba ó seu redor, sen se percatar de que todo estaba comezando e rematando ó seu redor. A nena que choraba, a moza que coqueteaba, a vella que se recollía, o tendeiro que pechaba a rella. A noite botábase enriba, coma un velo negro que agochaba tras de si a vida, o devir do tempo.
Na outra banda uns mozos esgotaban os últimos minutos de encontro amoroso cun bico interminable, coma nos demais casos, semellaba que a vida se esgotaba, que todo remataba no momento da separación, no momento no que caía a noite, as luces da rúa acendíanse, o tráfego facíase máis intenso, o mundo xiraba coma sempre, nembargantes, semellaba que para todos, a noite, a nova noite que escomenza, era a derradeira de tódalas noites.
- Boas noites! Quérote! despois chama .
E as mans non se soltaban. Ían deslizándose ata formar unha liña recta, coma un nó que se estira e pouco a pouco vaise desfacendo. Un sorriso, un irse despegando, mentres a vella ranqueaba, a moza avanzaba, a nena ía deixando de chorar e impaba e o tendeiro marchaba.
A hora estaba perto. Tiña que se preparar. Todo empezaba. Ollou de novo cara ó ceo. Había máis estrelas. A lúa estaba sonrosada e chea. Iluminaba o ceo e enchíao. Ese ceo inmenso, azul e escuro, reflexo do mar da súa infancia.
Volveu cara á habitación. Enriba da cama estaba a mochila. Valeira. Un cable azul pendía da saba. Colleu os cables. Pouco a pouco a mochila empezou a coller forma. Engordou. Unha caixa. Un aparello. Un interruptor. Varios documentos. E... o libro. Botouse de novo na cama. Ollou cara ó teito. Sen pensar en nada. Deixou que a mente repousara. A moza, a nena, a vella... lembranzas da infancia.
O coches pitaban. Os semáforos pitaban. Os peóns cruzaban. Deixouse levar, coa mochila ó lombo baixou as escaleiras e situouse no punto de espera. As pernas firmes. Chegou o autobús na hora en punto. E subiu. Todo comezaba.

...................................................................................................................

Un gran póster na parede o reflexaba. Era un póster xigante cunha coñecida faciana. O pelo enguedellado, o bigote, as gafas. Non había dúbida. Era el. O xenio do século XX. Debaixo rezaba : " O tempo e o espazo non existen. Teoría da relatividade." Albert Einstein.
Enfronte outro póster cunha moza cun dedo na boca, non tiña lema pero entendíase que pedía " Silencio".
Era un cartel tipo anos 50 e tipicamente americano, as enfermeiras non levan ese tipo de cofia. Tiña escudriñadas tódalas paredes. Contados os buratos e escachados de pintura. E a mesma espera. Que irónico! , Einstein un xudeu americano, e a enfermeira... qué farían aí eses pósters.
A espera faise interminable. Hoxe teño que falarlle. Falarlle moito. Contarlle todo o que nos pasa día a día. Si, é bo falar. Desafogas.
Moitos anos de estudo. Outros tantos de investigación na Universidade. Viaxes. Bolsas de estudos. E iamos acabar así.
O corpo latexaba. Pero non estaba. Donde estaba? Por que non volvía?
- Pode pasar.-
Certamente non se parecía á do cartel. Tampouco era a mesma. Cada día, durante meses a mesma frase: " Pode pasar ". Mais non pasaba nada. O bifido dos tubos, das pantaias, dicía que estaba alí. Pero, onde estaba?

VOZ DE MULLER


Sentou ao cabo da mesa cun café fumarento diante, o frío infernal convidaba á retrospección e ó apampamento, as faíscas chispeaban na cheminea. Apetecíalle pensar, reflexionar, soa, en silencio, mentres as gotas de choiva repenicaban no cristal da fiestra pechada. Tantos anos! Tantos soños!...
As bombas atronaban o ceo infernal dun país en guerra, e o amor abrírase paso aos tropezóns, ás labazadas, entre o esplendoroso resplandor das chamas falmexantes, e o gusto fedorento a morte e a miseria.
Marchou sendo un home enteiro. Volveu sendo medio home, ateigado de dor, de noxo, rabia, de traxedia... e tamén chegou ela. Resultado da esperanza que se abre camiño a golpes, cando a situación é adversa, marcada por un destino dictatorial, católico, confesional, misóxino.
A mente levouna á primeira lembranza dun seu soño, a escoita dunha peza musical. Sempre lle encantou esa peza “ Madame Butterflye”, esa era ela, a bolboreta. Cantaba coma un anxo, e era lista, estudosa, precoz e atenta. Mais non podía estudar, non era para as nenas, nin cantar, iso aínda menos, a mestra magoaba dela, unha nena tan fachendosa e con tantas posibilidades!
O medio home impuxera a lei, que outro medio home impuxera, só podía estudar o fillo varón, aínda que non puidera, non soubera, non valera. E de nada lle serviu chorar, soñar e desexar, tiña que leva-lo leite, andar no campo, arrombar aos animais, aprender a coser e calcetar, e prepararse para ser dun el, non ela.
O recendo do café tróuxoa de novo á terra. Deu un grolo.Quixera ter sido mestra. Aprendeu a calar xa desde nena. Sorriu. Aprendeu a soñar en silencio e a imaxinar que era quen non era, mais podía ter sido.
Foi feliz, o seu soño cumpriuse na súa filla. Pero ela. Que fora dela? Unha vida en silencio, entregada aos outros, cántos momentos felices lembraba? Moitos, a verdade é que moitos! Por qué os vellos só lembramos os bos momentos?, por qué entón pasamos a xuventude e a madureza arrepiando dos nosos destinos, se despois, de vellos, todo foi bo?
Non, non é certo. Non todo son bos recordos. Unha sogra abafante, inxusta, egoísta. Un home libre coma un paxaro, que nunca contaba con ela. Unha vida gris, entregada, aforradora. Pero sempre o seu espazo. A cunca do café e o seu pensamento, os seus soños reberverando na súa mente, levándoa máis aló da realidade. Cantando na Ópera de Milán, mentres lavaba a roupa no pío de pedra. Dando clase na Universidade, mentres lle preguntaba a táboa do tres ao fillo. Así é ela.
Gústalle ler, mais non ten libros, non hai tempo, a casa, os animais..., pero aproveita calquera minuto para ollar a prensa. Aprendeu a disimular. A facer ver que nada lle interesa. Porque o que quere está nela. No seu interior, nos seus soños, e a súa sabedoría sae ás veces, ás furtadelas, cando alguén lle pide un consello de avoa experta.
Pensándoo ben, qué demo! Esta é a felicidade completa, quen lle pode impedir que pense nela, quen lle pode prohibir que na súa mente escriba poemas e novelas, quen lle pode quitar a sabedoría que foi labrando durante anos e anos de escoita calada, quen lle di que non pode cantar ópera, se está nela.
Aaaaaaah, aha, aha, aha aha! Aaaaaaaah, aha , aha, aha, aha, aha! ....
Si, é a verdade da vella, foi feliz! Porque sempre foi libre de pensar, de soñar, de ser ela, aínda que non o souberan.
Sorriu. Sorriu de novo. Bebeu o derradeiro trago do café, e ergueuse pousando a taza no.vertedoiro. Hai que ir muxir as vacas, o home xa berra que é noite e hai que recollelas.
E sae camiñando da cociña cun chimpo de satisfacción, calza as botas de goma que pon para ir á herba, e empeza a cantar o que lembra de Madame Butterflye, porque esa é ela, a bolboreta ceibe que non deixaron ser, pero que ao cabo, aínda que llo quixeron impedir, é ela.
Segue repenicando a choiva no cristal da fiestra. E véxoa, desde fóra, sorrir, cun sorriso aberto, limpo, vexo bailar á nena, cantar á soprano, dar clase á mestra, vexo vivir a muller fermosa, clara, pura, sabia, que sempre levarei dentro.


venres, 19 de marzo de 2010

CARTA A UNS MEUS “ FILLOS ”

Como podedes, meus fillos, matarme así, calarme así ? Que cruel ensino vos din que non vos ensinei ren? Como podedes esquecerme e deixar que os vosos fillos e netos, fillas e netas, os meus descendentes todos, sangue do meu sangue e das miñas entrañas, me esquezan, que non me coñezan, que nunca saiban o devir da miña vida de sacrificio e de loita por vós e para vós, para serdes quen sodes, os que hoxe sodes, os que eu non concibín para seren asasinos da historia, da cultura, da terra, da nai ?
Eu dinvos as pólas, as polas e as polas, eu dinvos os matoxos, as bidueiras, as abeleiras, as ameixeiras, as cerdeiras, os marmeleiros, as maceiras, o ar que respirades e a escuma do mar, e vós, devolvédesme pesadume, perversidade, iñorancia e dor, e querédesme condenar, de novo, ó silencio.
Sabedes quen son ? Quen é a vosa nai ? Sabedes de min, da miña historia, do meu devir ? Nacín da mestura de razas e pobos, si ,sonvos “mestiza”, filla da convivencia de bárbaros e invasores, mais nunca me causaron máis dor da que vós me causades, porque eles foron meus pais e déronme pulo, formáronme, cultiváronme e enriquecéronme. Fun percorrendo os camiños da miña vida crecendo e lustrándome. Tiven unha infancia feliz, a pesares do meu nacemento humilde, crecín en pazos e cortes, aínda que tamén baixaba ás cortes e ós cortellos, donde estaba a miña orixe. Rodeeime de reis e princesas que estaban comigo, que xogaban comigo, que me enchían de beleza, fermosura e riqueza, ata que uns vosos ancestros, a peor parte de min, e dos que debedes ter herdado, meus fillos, a negra xenética, recluíronme nas torres do esquecemento. Pero seguín vivindo, - porque hai que vivir -, seguín sendo fidel ás cortes e ós cortellos, ós agros, ás rías, ás arbores e á terra. Convivín cos labregos, mariñeiros e poetas. Botei ós franceses que non me entendían, ás agachadas fíxenlles trampas e caeron nelas. Na madureza da miña, curta, pero intensa vida, volvín florecer, púxenme de novo lustrosa e bela, e crecín de novo, brilei coma unha estrela. Seguín madurando e retornei á ledicia, pero chegou a guerra. Feriume de morte, e caín na longa noite de pedra, no negro silencio da ausencia.
Refulxín de novo, coma o sol, cando renace nun fermoso amencer, e chegando á vellez, cando máis feliz me vía, rodeada dos meus, querida e coidada, e aínda aprendendo e ensinando, vindes vós, os meus fillos, e rexeitádesme. Por qué ?
Por qué non queredes que os vosos fillos me coñezan e me queiran, como é de lei da natureza? por qué me queredes de novo agachada? por qué queredes levar ó esquecemento a miña vida e a miña existencia? por qué os vosos fillos deben dicir “ earth ” e non “ terra”, “ grandmother ” e non “ avoa”, “ mother ” e non “ nai” ? por qué queredes agachar a miña beleza? por qué non me queredes, fillos ingratos, azote das miñas venas?
Non coñecedes os asubíos, a saudade, e a morriña, meus cacháns? Como os chamades? Mais si practicades o serdes cacharulos e godallos, aínda que non saibades, nin queirades saber, que significa. Estádesme matando cun golpe no cachazo, na brouca, na caluga, e no pescozo con cachazo. Mais, sabedes que vos digo? Non vou fuxir, non me vou agachar de novo, non vou desaparecer, NON VOU MORRER, mentres haxa gorxas que me griten, mentres haxa gorxas que me emitan, mentres haxa gorxas que me chamen, mentres haxa bocas que me reciten, mentres haxa dedos que me acaricien, mentres haxa mentes que me lembren e me pensen, mentres haxa fillos que me amen e mentres haxa mestras e mestres, profesoras e profesores, nais e pais, fillas e fillos que me defendan, que me falen, que me mencionen, que me ensinen, que me AMEN.
Meus malos fillos!, fillos da iñorancia e da violencia, fillos da inxustiza, do desarraigo e da doenza, fillos da crueldade, do abuso e da incongruencia, fillos mal elixidos, desalmados e insolentes, fillos que queriades ter nacido noutra terra, ollade o ceo estrelado, as nosas costas e beiras, os nosos agros arados, a beldade destas terras, e decídeme, se podedes non sentir esta doenza de rexeitar a unha nai que nomea esta beleza.



Mabel Pérez
Ensinante de Lingua Galega

domingo, 1 de novembro de 2009

O LITO DAS CHANS, CO ALCUME DO " VIVA GALICIA"



Esta é unha historia, outra historia, da memoria doutro neno labrego. O Lito naceu nas Chans, unha aldea de Crecente, en Pontevedra, alá polo ano do escomenzo da guerra. Tempos difíciles, tempos de fame, que configuraron a personalidade do Litiño. Fillo de solteira, froito da vergoña e do pecado nunha pequena aldea a carón do feudalismo agochado, á sombra do señorito, pai de case tódolos fillos de solteira do pobo, do mestre e do crego, e refugallo dunha muller pasada en anos, 36 ,e sen futuro.
Os anceios da familia materna do Lito remóntanse a un pasado dunha familia madeireira próspera que foi perdendo posición social e económica, entre outros, polo pouco sentido práctico dun avó dieciochesco e a mala sorte duns tempos pouco favorables á prosperidade, previos a unha revolta obreira e propicios a golpes de Estado que favoreceron o empobrecemento xeral. Tamén se vencellaba ós Andrade, por mor do matrimonio dunha curmá da súa nai e de matrimonios pasados, o derradeiro conde, con título honorífico e aires de grandeza, paseaba pola aldea coma un gabacho, facendo competencia ó xuíz, o señorito, na potencial paternidade ilexítima dos nenos do pobo.
Cando naceu o Lito as bombas empezaban a caer polas proximidades das cidades importantes da súa Galiza patria, polas feiras das aldeas grandes, andaba, ás veces, unha tal "Pasionaria ", muller que defendía o dereito á mantenta do goberno republicano, lexítimo e algo desbarballado, e que provocaba enfrontamentos e alzamentos entre os defensores e detractores, entre outras cousas, da muller, dela mesma, e do goberno republicano.
Elisa, a nai do Lito, co rapaz ás portas, acudiu un día a unha desas feiras a vender unha cabuxa, feito que suporía para a familia, en declive, unha espita e un respiro nos tempos de crise, xa que cos cartos obtidos reporíase un pouco a despensa familiar e pasaríase mellor o inverno. Achegouse ao murmurio de xente que se arremuiñaba en torno á poñente. A Pasionaria instaba á xente á defensa do goberno, á lexitimidade dos dereitos da muller e a resistir os tempos de crise que se aveciñaban, para uns antes que para outros. Nisto, un balbordo do xentío xurdíu da nada, a xente encomezou a correr, oíronse tiros, caídas, gritos e a Elisa, sen se dar de conta, perdeu a cabuxa. Tras uns intensos momentos de balbordo, o xentío desapareceu, a" Pasionaria" desapareceu, sen saber que sería a sempiterna protagonista da vida de Elisa, aínda que a Ibárruri non o soubera, e a cabuxa apareceu, morta. Empezaba a fame na casa do Lito, na casa do pobre, era a benvida ó rapaz. Eran os estertores da guerra, o anuncio dos tempos da fame e da miseria, e o comezo desta historia.
Cando o Lito naceu as cousas non pintaban ben para Elisa, sen pai para o fillo, sen traballo e sen futuro, viuse na obriga de deposita-lo neno nun hospicio. As monxas fixéronse cargo del, e cando chegou a hora de perdelo para sempre levouno de novo á aldea. Alí viviu ao coidado da súa avoa, sempre coa sombra de ser o que era. Andou descalzo polos campos e polos montes, crecendo a carón da vergoña e arrimado a outros fillos de solteira, que parecían compartir un pai coñecido para todos menos para eles. Os pobres fillos dos caciques da aldea. Elisa estaba en Vigo, coma tantas mulleres, veuse no oficio de coidar soldados nun hospital militar, a guerra avanzaba mentres o Lito crecía, só.
Don Lisardo, o mestre da escola, suxeríulle a Elisa que o único xeito de que o neno, fillo de solteira, estudara e fose alguén na vida, era metelo no Seminario, pero o neno non quixo, non o chamaba a vocación.
Cando cumpriu quince anos, coma tantos nenos de aldea, dirixiuxe á gran cidade de Vigo co propósito de emigrar ás Américas, reclamado. Eran tempos duros, mais ó mirar no porto a bagoada dos que se ían decidiu quedar, non era que deixara moito atrás, pero tampouco sabía o que había aló do mar, mais si o que quedaba.
O Lito tiña boa planta, pois era fillo de quen era, e colocouse nos almacéns “ El Pilar ”, pero era de aldea e non sabía falar castelán, atendía ás señoras clientas aquel bo mozo, e piropeábano. Como premio á boa atención levaba un bocadillo diario e unhas perras para aprender a escribir a máquina na academia “ Victoria” e poderse colocar en mellor posición laboral, pero claro, o Lito era de aldea e non sabía falar castelán:
- Hable en castellano Manuel, que así no va a ninguna parte”-, dicíalle o xefe. O Manuel non aprendeu, e non quixo aprender. Non se fixera para el o ter que obedecer ordes absurdas. Que máis daba o xeito do que falara, o caso era falar e vender, pero non se admitían burros e paletos, e por riba sindicalista, non daba imaxe, e tivo que “deixar” o “ Pilar ”.
Cos anos foi atopando o seu sitio no mundo, a súa identidade. A creto mercou unha motocarro e adicouse ó transporte, máis adiante a vida sorriulle un pouco e mercou unha furgoneta “ Sava” á que chamou “ Viva Galicia ”. O Lito pasou a ser o “ Viva Galicia” . A Galicia da que non podía saír pois lle estaba prohibido polo réxime levar un camión rotulado con ese nome fóra do territorio galego, e con multas dentro, perseguido ás máis das veces por un coche da Garda Civíl coma un terrorista da lingua. Pero segiu,, coa súa compañeira Isabel, non nacera para rico pero tampouco para pasar por ser o que non era.
O Lito ensinou ós seus fillos o valor de ser galego, e o valor da súa lingua. O non deixarse acougar por ser o que non se é e quen no se desexa. Déulles cadansúa carreira e aprendeulles a entender que moitos nenos de aldea renunciaron a sí mesmos para ter unha vida mellor, -que algúns non tiveron-, pero que agora, de vellos, volven ser o que de nenos foran, conservan a lingua, a cultura, as tradicións e ensinan ós seus fillos e netos a lingua de noso.
Esta é a historia do Lito das Chans , dos Litos de tantas aldeas, esta é a historia do meu pai na miña lingua paterna.


Texto lido no acto de “ Queremos Galego” en Vigo, o pasado 14 de Outubro.

sábado, 18 de xullo de 2009

Facebook | Tus fotos- À Pâris

Facebook Tus fotos- À Pâris: "http://www.facebook.com/album.php?aid=1972&id=100000096256220&l=8510760a43Crea un anuncio
Play SET Online

Play the card game SET online or on your iPhone! See if you can make it on the high scores list.

Lots of flights to Asia.

Fly the fast and short northern route to ten destinations in Asia. Book your flights and win trips to Asia!

Más anuncios"

luns, 29 de decembro de 2008

Sin título

En la soledad del silencio
en la abrupción del ruido
aislada en un desierto vacío
se fue la sinrazón.


Se desvanecen los sueños
se desmoronan los muros
se entrecruzan los silencios
se destroza la visión.


Aunando sentimientos
nos encontramos vacíos
caminamos y buscamos infinitos
en paraisos perdidos.


Caminamos todos juntos
a no se sabe dónde,
todos uno, uno todos
vacíos vamos llenando,
y en la infinitud de ese cielo despejado
afloran mil sentimientos
que nos están desbordando
poco a poco y en silencio
lentamente va acabando,
y la soledad y el vacío
se irán solos acallando.

luns, 18 de agosto de 2008

Amor pronominalizado

Sempre que pensas en eu penso en mín
nin mín sen tí, nen tí sen mín,
eu máis tí, tí máis eu
cántos "eu" en tí perdín.

Xogos de parolas que se trocan
nin eu, nin min, nin min, nin tí
olladas que se trabucan e atopan

non eu, non min, non eu, non tí

de soslaio atopo os teus ollos quedos
ollando, mirando, penetrando, chamando...

e souben, sí, souben, que eu sen tí
nin tí sen min, nen un sen a outra, para min tí,
para tí o meu eu, o meu min.

domingo, 17 de agosto de 2008

Kundalini Ioga


Esta é unha das miñas grandes afeccións e a que me permite unha maior realización persoal: Kundalini Ioga, de aí o meu nome espiritual " Abnashi Kaur" que significa `indestructible´aínda non o son, pero inténtoo.

sábado, 16 de agosto de 2008

Ensoñacións

Sinto as túas mans sobor das miñas
as túas mans semellan miñas
entrecrúzanse e temblan, bícanse
aloumíñanse, e vólvense xuntar.

Agóchanse as túas mans detrás das miñas
agóchanse as miñas mans detrás das túas,
atópanse e percorren xuntas
o espazo infindo que as afasta
convertíndose

as túas mans en miñas,
as miñas mans en túas.

A tí


Escríboche a tí que me les
a tí, que queres decir o que eu che digo
a tí, que sintes o que eu sinto
a tí, que na túa soidade estás comigo.

Escríboche a tí que me les
que por alguén estás sentindo o que eu escribo
que a alguén lle queres adicar o que eu che digo
a tí, amigo, compartidor do tempo compartido
poetizador dun poema consabido.

Escríboche a tí porque te sinto
porque vexo os teus ollos nestas letras
e a tí me dirixo
soidade compartida, compañeiro de embeleso
para adicarche algo de min que levo dentro
a solidaria compañía deste verso.